A Xunta e a Federación Galega de Xoves Empresarios traballarán conxuntamente no asesoramento aos novos emprendedores en materia de novas tecnoloxías. O pasado 30 de setembro produciuse o encontro que supuxo a primeira toma de contacto entre a entidade empresarial e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, saudou a disposición da Federación Galega de Xoves Empresarios (FEGAXE) a traballar conxuntamente con este departamento autonómico para ofrecer asesoramento aos novos emprendedores. Mar Pereira recibiu hoxe en audiencia ao presidente desta federación, de recente creación, Daniel Ramos Lobón, no que foi unha primeira toma de contacto entre esta entidade e a Administración galega.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica agradeceu a colaboración que a FEGAXE ofreceu á Xunta, e puido coñecer de preto as súas principais prioridades. Así, segundo lle expuxo o seu responsable, un dos principais obxectivos desta entidade é apoiar novas iniciativas empresariais e aconsellar a aqueles emprendedores interesados en iniciar o seu negocio aproveitando as vantaxes competitivas das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación).
Así mesmo, outra das súas finalidades é promover a inserción profesional mediante o autoemprego e ofrecer apoio e información xeral sobre temas de interese para os emprendedores, como son as axudas ou subvencións públicas a prol tamén da investigación, o desenvolvemento e a implantación das novas tecnoloxías nas empresas galegas.
A Federación Galega de Xoves Empresarios (FEGAXE) é unha Federación de ámbito autonómico que representa a asociacións galegas de xoves empresarios da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo. Todas elas, cunha longa traxectoria desde principios da década dos anos noventa de apoio aos emprendedores e empresarios novos das súas respectivas localidades e provincias. Representa a máis de 650 xoves empresarios que dan emprego a máis de 5.000 traballadores e acadan unha facturación superior aos 800 millóns de euros.
Fonte: Xunta de Galicia