Nº 2 - marzo 2009
Traballo desenvolve un programa para favorecer a inserción laboral das mulleres
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a orde do 30 de decembro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e a súa convocatoria para o ano 2009 (DOG nº 10, do 15 de xaneiro de 2009).
A Consellería de Traballo destina 4,5 millóns de euros para facilitar a inserción laboral das mulleres que presentan desvantaxes e dificultades para acceder ou permanecer no mercado de traballo. Poderán realizar contratacións ao abeiro das axudas previstas neste programa as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens que contraten por conta allea mulleres maiores de 31 anos para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia. Con este programa, o colectivo feminino segue a ser un dos especialmente atendidos no conxunto dos incentivos á contratación indefinida, en calquera da súas modalidades: inicial (a tempo completo e a tempo parcial), ou por transformación en indefinidos de contratos para a formación, en prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade. Neste último caso, só poderá ser obxecto de subvención cando se acredite o mantemento do posto do traballador/a substituído o substituída.
O principal obxectivo é aplicar a favor das mulleres galegas medidas activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade e unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación. Outra das súas finalidades é que contribúan a reducir o diferencial da taxa e emprego entre os homes e as mulleres. En concreto, aos efectos deste programa, o colectivo beneficiario serán as mulleres desempregadas maiores de 31 anos de idade nas que concorra algunha das seguintes circunstancias: que sexan titulares de familias monoparentais con cargas familiares ou de unidades familiares nas que ningún dos seus membros en idade laboral obteña rendas de calquera natureza superiores ao 75% Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM); que se contraten para prestar servizos en profesións ou ocupacións nas que estean subrepresentadas; que se reincorporen ao mercado de traballo tras unha ausencia dun mínimo de dous anos; que sexan contratadas nos 24 meses seguintes á data do parto; que sexan demandantes de primeiro emprego; que rematen o seu itinerario personalizado de inserción nunha ocupación e sexan contratadas nela; que sexan emigrantes retornadas; ou que procedan de empresas en crise ou pertencentes a sectores en reestruturación.
En todos estes casos as contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 7.500 euros. Se o contrato se realiza a unha muller desempregada que non estea incluída en ningún dos anteriores colectivos a subvención será de 2.000 euros. As transformacións en indefinidos dos contratos temporais recibirán unha axuda de 3.000 euros. Estas contías incrementaranse nun 50% cando as contratacións as realicen microempresas, é dicir, aquelas cuxo cadro de persoal sexa inferior a 10 traballadores. En todo caso, para poder acceder ás axudas, entre outros requisitos, a taxa de estabilidade do cadro de persoal das empresas deberá ser igual ou superior ao 75% no mes da contratación para a que se solicita a axuda. Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta, ten que incrementarse o cadro de persoal fixo e global da empresa no ámbito territorial de Galicia, de maneira que supere a media aritmética dos 12 meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.
Prazo de presentación de solicitudes
As axudas desta orde solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido. Para o cómputo deste prazo enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da contratación. En todo caso, o prazo para a presentación de solicitudes rematará o 15 de setembro de 2009, aínda que nesa data non transcorresen dous meses dende a celebración do contrato polo que se solicita a subvención. Ademais, o 31 de marzo de 2009 remata o prazo para a presentación de solicitudes de axudas polas contratacións feitas entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde. As solicitudes e os anexos do programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: www.traballo.xunta.es
Fonte: Consellería de Traballo e elaboración propia da UPD (2009).
Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Hispanidade nº 17. 36203 Vigo. España
Tlf: 986 42 33 66 Fax: 986 47 14 44 email:
info@maiv.org web:
www.maiv.org